Saturday 18 de May de 2024

O Concello de Noia investirá máis de 70.000 € na construción dun parque infantil en Boa e na mellora dos do paseo marítimo e da Alameda


 

A concelleira Mariola López Cierto salienta a gran acollida do novo parque infantil construído en Pontenafonso

O Concello de Noia vai investir máis de 70.000 euros na construción dun novo parque infantil en Boa e no acondicionamento e mellora doutros dous parques infantís máis no casco urbano: os do paseo marítimo e da Alameda. Uns traballos que se unen aos acometidos recentemente en Pontenafonso, onde se construíu un novo parque infantil cun investimento próximo aos 60.000 euros.

Así, o Concello de Noia investirá preto de 40.000 euros na construción dun novo parque infantil na zona de estacionamento da praia de Boa. “Escollemos este lugar porque é unha das zonas que concentra máis poboación e tamén porque, de cara ao verán, permitirá que as persoas que se acheguen á praia teñan tamén unha zona recreativa para os nenos e nenas”, explica o alcalde de Noia, Santiago Freire, quen engade que “ao estar garantido que haberá lugar onde aparcar, tamén estamos facilitando o acceso a estas instalacións de todos aqueles veciños e veciñas que se queiran achegar durante o ano”.

A estes traballos, que serán executados nas próximas semanas, haberá que engadir as obras de mantemento e mellora que se van acometer en dous dos parques infantís máis grandes do casco urbano: os do paseo marítimo e da Alameda. “Imos investir máis de 31.000 euros na mellora dos parques infantís da Alameda e do paseo marítimo”, apunta a concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto, quen indica que “no caso da Alameda serán arranxos puntuais de mellora do pavimento, pero onde faremos unha actuación integral será no paseo marítimo, onde instalaremos unha nova soleira para amortecer os golpes nas caídas e colocaremos un pavimento de caucho nas bases e nos perímetros dos xogos”.

Pontenafonso

Así mesmo, López Cierto amósase moi satisfeita da boa acollida do novo parque infantil de Pontenafonso, no que o Concello de Noia investiu preto de 60.000 euros. Unha instalación que conta cun pavimento continuo de caucho de cores. Este novo pavimento caracterízase pola súa durabilidade e pola súa flexibilidade, o que lle permite amortecer os golpes nas caídas, ademais de ser antiescorregadizo. “Dende o Concello estamos apostando por este tipo de solos xa que son máis limpos e seguros, ademais de facilitarlle aos máis cativos a súa aprendizaxe á hora de camiñar”, sinala López Cierto.

Ademais do correspondente peche perimetral, a nova área infantil de Ponte Nafonso conta cun xogo de resorte para nenos e nenas menores de 12 anos, un columpio de cesto (cun asento berce para os máis pequenos e outro asento plano) e unha gran instalación multixogo “que están a ter unha gran acollida por parte da veciñanza”, salienta a concelleira noiesa, quen lembra que durante o verán tamén se acometeron importantes melloras no parque infantil do Campo das Rodas, instalación na que hoxe se remataron os traballos de limpeza e retirada de follas.

Finalmente, López Cierto reitera o seu chamamento ao respecto do mobiliario público xa que “se manter en bo estado o noso mobiliario urbano é algo importante, no caso deste tipo de estruturas, que están deseñadas para o xogo dos nosos nenos e nenas, se volve nunha prioridade”.